Tlf. 988 46 58 83    |    Fax 988 46 58 63   |   concello@vilardesantos.com

Vilar de Santos abre o prazo de matricula na Escola Infantil

30/06/2017 - Novas

O Concello de Vilar de Santos, ten aberto o prazo de solicitude de matriculada Escola Infantil  desde o pasado 19 de xuño ata o venres 7 de xullo, para o vindeiro curso 2017-18.

 

Desde a súa apertura no ano 2013, a Escola Infantil de Vilar de Santos, segue medrando e o obxectivo inicial de convertela nun espazo dinamizador de referencia e de atención educativa conseguiuse plenamente. A Escola é un éxito innegable e permitiunos poñer á disposición das familias con nenos entre os 0-3 anos, un servizo moi especializado para contribuír tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. No presente curso 2016-17, que agora remata houbo 9 matriculas e para o vindeiro curso 2017-18 xa fixeron a preinscrición 9 nenos.

 

A Escola é un servizo público de funcionamento diúrno, de titularidade municipal e xestión directa por parte do concello. Permanece aberta de luns a venres en horario de 8 a 16 horas e conta con dúas prazas de persoal especializado na atención educativa á infancia.

No novo curso continuaremos cos servizos e novos proxectos e actividades dentro dunha planificación comprometida coa realidade do mundo rural e cun ensino de calidade, contextualizado e dinamizador do medio.

 

O día 30 de xuño terá lugar a clausura do curso na Escola cunha pequena festa, con actividades, animación e unha pequena merenda para os nenos e nenas e as súas familias. A Escola permanecerá pechada durante o mes de agosto, no que aproveitaremos para facer pequenos arranxos e tarefas de mantemento e melloras no equipamento do centro.

 

Ovindeiro curso comezará novamente o 1 de setembro co período de adaptación dos nenos e nenas.

 

A Escola é unha nova alternativa e neste momento no que se está a producir unha supresión e redución de aulas, profesorado e servizos educativos na provincia, reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello de Vilar de Santos para facer fronte ás novas demandas. A Escola Infantil é outra aposta de futuro máis desde o grupo de goberno do Concello para garantir e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas. Un servizo público de alta calidade que se consolida día a día co obxectivo de frear o envellecemento e a despoboación, permitindo reducir o descenso demográfico e xerar atractivo para persoas que queiran establecerse en Vilar de Santos. 



    GDR10 - Limia Arnoia
    (C) Vilar de Santos - Aviso Legal
    Tel 988 465 883 Fax 988 465 863 concello@vilardesantos.com
    Programación e Deseño Web:
    Ainet Consulting