Tlf. 988 46 58 83    |    Fax 988 46 58 63   |   concello@vilardesantos.com

O Alcalde de Vilar de Santos reúnese co Presidente da Xunta

31/05/2017 - Novas

O presidente da Xunta recibiu ao Alcalde de Vilar de Santos en San Caetano. Na entrevista mantida, o alcalde, trasladoulle ao Presidente da Xunta diversas necesidades e proxectos de interese para o Concello para os que solicitou a colaboración da Xunta de Galicia, facéndolle entrega  dunha pequena memoria das actuacións:

1. A Área de Rehabilitación Integral-ARI, agora Área de Rexeneración e Renovación Urbana de Vilar de Santos. Recordar que na primeira fase da ARI, no ano 2015, aprobáronse as Bases reguladoras da primeira convocatoria de subvencións para a rehabilitación que permitiu actuacións en once vivendas. Unha nova fase no 2016 permitiu obras en tres vivendas mais. Neste ano 2017, unha nova fase-prorroga permitirá actuacións de rehabilitación coas axudas económicas previstas, en 21 novas vivendas para o ámbito da ARI, vixente ata o 30 de xuño de 2017.
Co apoio da Xunta pretendemos iniciar un Proxecto de urbanización e acondicionamento das rúas e dos espazos públicos da ARI.  Continuar coa recuperación e posta en valor dunha zona hoxe deteriorada contribuíndo á conservación e rehabilitación para fixar poboación e revitalizar os entornos.

2. A Ampliación do Centro de Día-Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos. o Concello puxo en marcha xa no ano 2008 o Centro de Atención de Persoas Maiores, co obxectivo prioritario de atención ás persoas maiores no seu entorno. Creáronse 14 prazas para usuarios de Centro de Día e a finais do 2012 entra en funcionamento a Vivenda Comunitaria con 6 prazas. Trátase dun Centro polivalente que combina nun mesmo edificio as posibilidades dun centro de día cunha zona residencial de vivenda comunitaria con espazos comúns complementarios e todo tipo de servizos integrados e actividades cunha atención especializada e de calidade.
Agora pretendemos ampliar o Proxecto do Centro de maiores con novos recursos para poder dar unha atención integral e poder transformalo nun Fogar Residencial que cubra todas as nosas necesidades.

3. No Museo da Limia, no que pretendemos levar a cabo actuacións para corrixir as deficiencias propias dun edificio histórico que precisa de atencións e labores de mantemento continuadas e custosas co obxectivo de seguir conservando e poder continuar e divulgar a colección etnográfica mais importante e representativa da cultura popular e do patrimonio cultural da comarca da Limia, e unha das mais importantes de Galicia.
Un Museo que desde o ano 1996, vai a máis e para o cal actualizamos constantemente contidos e pezas e novos programas de dinamización e organización doutras actividades

Tamén lle trasladamos a necesidade de mellora de varias infraestruturas deportivas e outras cuestións.

O alcalde, Xan Jardón fixo unha valoración positiva da entrevista mantida, xa que lle puidemos trasladar directamente ao Presidente da Xunta as necesidades e proxectos dun concello que ten optado polo aproveitamento e posta en valor dos recursos e capacidades locais para dotarse de infraestruturas e servizos públicos de calidade, un concello referente na busca de alternativas, un concello con indicadores e variables que reflicten unha xestión pública transparente e eficiente. Un proxecto municipal en transformación e a longo prazo, pero tamén plenamente viable que demostra que “é posible” crear as condicións obxectivas para garantir e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos nosos veciños nas mesmas condicións que o mundo urbano.



    GDR10 - Limia Arnoia
    (C) Vilar de Santos - Aviso Legal
    Tel 988 465 883 Fax 988 465 863 concello@vilardesantos.com
    Programación e Deseño Web:
    Ainet Consulting